Olá cabritiños, somos Mamá Cabra!


mamacabraSomos un grupo de música infantil formado por sete músicos. Batería, percusión tradicional, frautas e gaita, baixo eléctrico, acordeón, guitarra eléctrica e voz.

Para facer o noso repertorio baseámonos en poemas de Gloria Sánchez, Ana María Fernández, Concha Blanco, Antonio García Teijeiro, etc., aínda que tamén temos cancións propias ou temas que adaptamos do noso folcrore.

Actualmente temos seis traballos publicados sobre os que podedes consultar no menú.

En vivo, temos un espectáculo musical que dura sobre 45-60 minutos, dirixido sobre todo a nenos e nenas de 0 a 10 anos e no que facemos temas do noso repertorio.

Nas actuacións buscamos a participación dos nenos e nenas, propoñendo xogos como: imitar os xestos, facer acompañamentos rítmicos sinxelos, repetir un pequeno retrouso, e rematamos presentando os instrumentos que empregamos dunha maneira lúdica e divertida. Hai cancións para escoitar, outras para saltar, bailar, remar, outras para animar a ler, para reflexionar sobre a necesidade de respectar o noso contorno medioambiental, outras para disfrutar da poesía...

En suma, o que facemos é un CONCERTO DE MUSICA enfocado desde unha perspectiva escolar que propón distintas aprendizaxes, poñendo como escusa a música.

A nosa primeira actuación foi na Aula de Cultura de Caixa Galicia, en Santiago o 10 de marzo de 2000, co agasallo dunha entrevista a Gloria Sánchez nunchas xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil. E a partir de aí non paramos de facer concertos por toda Galiza.